Os socialistas reclaman "ampliar servizos ademais de ladrillos" no Hospital Montecelo


O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, instou hoxe a “ampliar servizos ademais de ladrillos” no Hospital Montecelo, garantindo “mellor calidade” dentro do carácter público. Así o dixo no debate da toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular para a ampliación do centro, que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista alertou dos “temores bastante fundados” sobre a xestión da sanidade por parte do PP en base aos antecedentes do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde “nos atopamos cun centro máis pequeno e con menos servizos do que estaba previsto, pero polo que pagamos máis do que inicialmente estaba previsto”.

Por iso, demandou “maior número de servizos e mellor calidade, non sexa que vaiamos ter un Hospital máis grande para ter os mesmos problemas que agora”, e instou a “non absorber servizos do resto da área sanitaria”. Neste sentido, alertou fronte á tentación de “meter no mesmo contedor o que está agora distribuído –polos centros da área sanitaria- o que resulta ineficiente e ofrece unha atención sanitaria de peor calidade”.

Parabéns

Torrado ironizou ofrecéndolle “parabéns” ao PP por ter cesado ao anterior xerente da Área Sanitaria de Pontevedra, o que “non repara todo o mal que fixo, pero ofrece un aire de reposición”. Ademais, lembrou a súa “rectificación” ao pasar a defender a ampliación do Hospital de Montecelo, en lugar do seu proxecto de crear un Hospital en Monte Carrasco de carácter privado.

Neste sentido, instou a “non baixar a garda na defensa do público”, e reclamou que os servizos que albergue o futuro centro sexan públicos, porque “non cabería en ningunha cabeza ofrecer unha instalación sanitaria pública para un servizo sanitario privado que faga negocio a costa do financiamento público”.