Os socialistas levan ao pleno do Parlamento os incumprimentos normativos do Goberno de Feijóo

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de converter as leis e “retórica” ao “furtar tódalas garantías do seu cumprimento”. O responsable socialista centrará a sesión de control do Pleno da próxima semana no incumprimento das normas autonómicas por parte do Goberno galego.

Fernández Leiceaga explicou, logo da reunión da Xunta de Portavoces, que o presidente da Xunta está a converter as leis nun “instrumento de publicidade e propaganda”, co que “consegue erosionar a credibilidade do sistema parlamentario e dificulta acadar acordos co seu goberno”. Sinalou que esta práctica fai estéril calquera intento de acordar cambios normativos que o Executivo acabará por converter en papel mollado.

Os socialistas galegos, dixo, queren “confrontar a Feijóo co incumprimento das leis autonómicas e coa necesaria mellora da calidade democrática”. Lembrou que nas sesións parlamentarias do mes de marzo os socialistas xa puxeran sobre a mesa o incumprimento das leis de Igualdade, mentres en abril fixeron o propio coa Lei de Inclusión Social e o incumprimento das obrigas de xestión das axudas da Risga.

Explicou que as iniciativas socialistas centraranse na transparencia e as medidas contra a corrupción na administración, a partir dunha proposición non de Lei para demandar un plan antifraude na contratación pública autonómica. No mesmo sentido, os socialistas presentarán dúas interpelacións sobre a política da Xunta en relación coa transparencia e o bo goberno e sobre o clientelismo nas axudas destinadas ás entidades locais.

O Grupo Socialista defenderá ademais unha proposición non de Lei sobre a realización dun informe do estado de cumprimento da normativa autonómica en materia de igualdade. Tamén preguntarán sobre as garantías de servizo e laborais derivadas do traslado do 112 de Santiago á Estrada e sobre o procedemento de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Bens Inmateriais da Igrexa

Os socialistas galegos defenderán unha moción parlamentaria, derivada da interpelación presentada no último Pleno, sobre a inmatriculación no Rexistro da Propiedade de bens inmobles da Igrexa católica.

Fernández Leiceaga considera “posible e desexable” unha “interpretación máis laica” do sistema español, definido como aconfesional, para “tratar á Igrexa como unha institución separada” das institucións públicas. Fernández Leiceaga lamentou a deriva conservadora que demostra o goberno ao facer unha interpretación das relacións coa Igrexa “non acorde co espírito nin coa letra das leis”. Aludiu á decisión de poñer as bandeiras do Exército a media asta co motivo da morte de Cristo ou a interpretación “demasiado restritiva” da liberdade de expresión ao amparo da Lei Mordaza.